Unha
enquisa elaborada por encargo de ACIGU sinala as necesidades e carencias
da Guarda para conseguir un comercio de calidade

De esquerda
a dereita: Antonio Reguera, Carmen García, José M. Domínguez e José Mª
Seijas
A Guarda, 15 de maio de 2008.
A presidenta da Asociación de Empresarios da
Guarda (ACIGU CCA), Carmen García Braga, presentou onte (14/05/08) as
conclusións do estudo que sobre o comercio e a hostalaría local,
realizou a empresa Estrategias de Mercadotecnica, por encargo do
mencionado colectivo de empresarios guardeses.
Acompañaron á presidenta dos empresarios, o alcalde da
Guarda, José Manuel Domínguez Freitas, e os presidentes da Federación
Galega e Provincial de Comercio, José Mª Seijas López e Antonio Reguera
Repiso, respectivamente.
Ao acto acudiron distintos empresarios da Guarda, ademais de
concelleiros do PSOE e do Partido Popular.

Carmen García explicou que este estudo quere analizar as
necesidades comerciais e a contorna comercial local, pero ademais,
insistiu, trátase de conseguir para os establecementos da Guarda a Norma
UNE 175001, sobre calidade de servizo para o pequeno comercio.
O estudo realizado por Mercadotecnia centrouse en
tres aspectos: iluminación, aparcadoiro e accesos á Guarda, e a partir
da enquisa realizada aos xerentes e administradores do comercio e a
hostalaría local, obtivéronse as seguintes conclusións: A Guarda precisa
mellorar a iluminación das súas rúas; os enquisados demandan un
aparcadoiro subterráneo para facer fronte ás dificultades de aparcadoiro
que agora mesmo existen; é preciso un maior control no horairo de carga
e descarga, incluso a súa adaptación á situación actual; o acceso á
Guarda, desde Tui, debe ser mellorado; para incorporar á muller ao
mundo laboral é urxente a posta en marcha do parque industrial; debe
continuarse coa eliminación de barreiras arquitectónicas e, neste punto,
concretáronse as dificultades existentes para acceder á Praza de
Abastos, cuxa segunda planta dificulta o acceso a aquelas persoas con
problemas de mobilidade. Parques infantís ben situados e zonas verdes,
así como unha alameda adaptada á súa finalidade, que leve a retirada do
lousado, resume o contido das conclusións.
O presidente da Federación Galega de Comercio, José Mª
Seijas, referiuse á situación de crise pola que pasa o comercio, que se
manifesta na baixada de ingresos. Destacou o peso específico do sector
comercial na economía galega, que representa o 16 por cento do PIB e
xera o 14 por cento do emprego.
Prapararse na informatización, traballar a calidade e ser
capaces de cubrir todas as necesidades dos consumidores, son retos que
ten que superar o sector para avanzar. Referiuse, tamén Seijas López, á
Norma UNE 175001, pero tamén aos requisitos máis esixentes do Selo de
Calidade, como garantía para o consumidor, recoñecementos que deben ser
obxectivos dos comerciantes.
Antonio Reguera insistiu na idea de crise que sofre o
sector, mencionou que o euro encareceu a vida, e os ingresos minguaron.
E valorou, o presidente da Federación Provincial de Comercio, A Guarda,
á que denominou capital do turismo gastronómico de Pontevedra pola
calidade dos seus produtos e a exquisitez da súa mesa.

Pechou a quenda de intervencións o alcalde da Guarda, José
Manuel Domínguez Freitas respondendo a algunhas das cuestións
mencionadas por parte dos intervintes que lle precederon no uso da
palabra.
Sinalou o interese do goberno local pola promoción turística
da Guarda, pondo como exemplo o recentemente presentado Plan Director de
Turismo.
Respecto ao aparcadoiro subterráneo, adiantou que están
traballando no seu logro, concretamente na rúa Manuel Álvarez, unha vía
que é competencia da Consellería de Política Territorial, á que
solicitaron a súa reversión ao concello, pero que tamén necesitará unha
modificación no PXOM, cursando á Xunta de Galicia a necesaria corrección
para que emita o informe favorable e levar este tema a Pleno, seguindo
os trámites que marca a lei neste tipo de actuacións, para construír un
aparcadoiro subterráneo no tramo da rúa Manuel Álvarez comprendido entre
a Praza Avelino Vicente e a baixada a Enrique María Sesto.
Respecto da Alameda, Domínguez Freitas dixo que tras a
humanización da rúa Transversal Troncoso, están agora traballando para
remodelar a Alameda, téndose solicitado subvencións para unha mellora
deste espazo público, dado que o concello non ten os recursos
suficientes para acometer un proxecto xonfondos propios.
Ao referirse ao Parque Industrial, que compartirán os
concellos da Guarda e O Rosal, o alcalde explicou que tras a entrevista
mantida con Daniel Pino Vicente, director xeral do Instituto Galego de
Vivenda e Solo, esperan que a finais do verán se inicien as obras de
construción do mesmo.
Finalmente, respecto aos parques e zonas verdes, José Manuel
Domínguez Freitas sinalou que o gran parque co que vai contar A Guarda,
será o Castelo de Santa Cruz, que será realidade despois de que a
Consellaría de Cultura materialice o proxecto de creación dun Centro de
Interpretación das Fortalezas, habendo asinado, en 2006, un convenio coa
institución local.
Coas palabras do alcalde concluíu a presentación do estudo
presentado por ACIGU sobre o comercio local.

Entidades financieiras, como
Caixanova, e do sector empresarial, como Espaderos Guardeses, déronse
cita na sede de ACIGU para coñecer o informe e conclusión da enquisa
sobre as "Necesidades e carencias por un comercio de calidade"

En primer termo a concelleira
de Turismo e Facenda, Montserrat Magallanes Álvarez.
Entre os presentes, Elicio Magallanes, primeiro presidente da Asociación
de Empresarios da Guarda

As
autoridades locais e os representantes das federacións de comercio coa
presidenta de ACIGU, Carmen García