
A Guarda, 08/04/2008. A
Asociación de Empresarios da Guarda (ACIGU CCA) fixo entrega dos
diplomas do curso FIP de “Auxiliar de Axuda a Domicilio” que se realizou
do 18 de xullo ao 30 de novembro de 2007 cun total de 465 horas.
Ao acto, celebrado na sede de ACIGU o sábado, 5 de abril,
asistiu o Delegado de Traballo, Pedro Borrajo Rivas, primeiro tenente
alcalde, Miguel Español Otero (en representación do concello da Guarda
por non poder asistir o Alcalde por outros compromisos na axenda
propostos con anterioridade), Carmen Mª García Braga en calidade de
presidenta de ACIGU CCA e Fátima Iglesias Ferreira en calidade de
Coordinadora do curso.
Carmen Mª García Braga deu comezo o acto agradecendo a
presenza dos asistentes, tanto autoridades como alumnos do Curso de
Auxiliar de Axuda a Domicilio. A Presidenta agradeceu tamén a confianza
depositada en ACIGU pola Consellería de Traballo para a formación de
alumnos para a inserción laboral. A impartición deste curso, dixo, é
moi importante pola demanda actual e futura de persoal cualificado polas
empresas.
A continuación o delegado de Traballo, Pedro Borrajo
Rivas, agradeceu a invitación para facer entrega dos diplomas. Comezou
dicindo “o emprego é un dereito universal de tódalas persoas; o
exercicio deste dereito, dá as persoas a oportunidade de formar parte da
sociedade na que viven e participar nos procesos económicos, sociais,
políticos e culturais, contribuíndo co seu traballo ó desenrolo de toda
a sociedade.” “Se ben é certo que a administración pública e as
entidades sociais xogaron, e deben de seguir xogando un papel
fundamental a favor da integración social. A sociedade pide ás empresas
que asuman un compromiso cada vez maior nos procesos de inserción
laboral, compartindo deste modo a corresponsabilidade na construcción
dunha sociedade máis xusta e equitativa.” “É un feito indiscutible o
incremento paulatino da presenza das mulleres no mercado laboral. Sen
embargo, neste entorno, as desigualdades de xénero seguen sendo moi
relevantes, tanto no acceso ó emprego como nas condicións laborais e
posibilidades de promoción. A condición da muller, por outra banda, é
unha dificultade engadida coas que se encontran moitas das persoas na
situación de vulnerabilidade no momento de seren empregadas, de manter
un emprego e de desenrolarse profesionalmente.” “O Conselleiro de
Traballo ven de presentar o PLAN AURORA de emprego feminino que
representa unha estratexia integrada do conxunto das políticas para
avanzar na igualdade laboral entre homes e mulleres. Beneficiará a máis
de 150.000 mulleres e contará cun orzamento de 190 millóns de euros no
2008. Está formado por 7 programas que pretenden promover a
incorporación de máis mulleres ó mercado laboral, incrementar a calidade
do emprego feminino, incorporar mulleres a profesións nas que están
subrepresentadas, garantir a igualdade na negociación colectiva,
fomentar o emprendemento, apoiar e sectores maduros con alto índice de
presenza feminina e potenciar a conciliación.” “Así mesmo, animo a ACIGU
a seguir traballando nesta liña, polo seu labor e ben facer, neste labor
formativo, así como agradezo a outras asociación e empresas que
facilitan este labor á propia Consellería. Grazas ó grupo de alumnos por
confiar en ACIGU e na Consellería de Traballo, dicirvos que este é un
curso de 465 horas moi completo, que seguramente vos dará a
posibilidade de acadar emprego e que a consellería pon a vosa
disposición unha serie de familias formativas a que podedes acceder e
que estamos a fomentar sobre todo de cara a muller.”
De seguido Fátima Iglesias Ferreira agradeceu a presenza
do grupo de alumnos e destacou o compromiso do grupo adquirido co curso
co profesorado e incluso ca propia asociación. Destacou a presenza de
alumnas que viñan diariamente dende Tomiño, Tui e incluso Vigo, fixo
referencia á calidade humana do grupo e desexoulle sorte de cara o mundo
laboral.
Clausurou o acto Miguel Español Otero agradecendo o
labor de ACIGU, da súa presidenta, da coordinadora do curso e así mesmo,
felicitou aos alumnos/as polo diploma que estaban a punto de recibir.









